Tuesday 30 de April de 2024

O PP de Oleiros acusa a García Seoane de poñer en marcha unha nova estratexia de distracción sobre a “in mobilidade” no Concello.


O Alcalde é o único responsable do caos circulatorio no municipio.

A Xunta de Galicia deulle a García Seoane unha magnífica escusa coa construción da pasarela que cruza a ría para arrincarse co tema ” mobilidade si pero non a calquera prezo e en calquera lugar”.

“Que lle preocupe o do custo ten graza, porque en Oleiros vimos de contemplar a construción do campo de fútbol máis caro do mundo onde se investiron, nin máis nin menos, que seis millóns de euros”, sinalan os populares, en relación ao campo de fútbol de Mera de recente inauguración.

“En canto aos impactos ecolóxicos e ambientais- declarados inexistentes polos especialistas- a quen agora lle preocupan non lle tremeu o pulso en sinalar como zona de equipamento o máis dun millón e medio de metros cadrados de bosques e campos para a construción do campo de golf de Xaz”

Para o Partido Popular de Oleiros serios e irreversibles son os impactos da acción urbanizadora emprendida pola Alternativa dous Veciños desde a súa chegada ao poder en Oleiros e que só pode ser cualificada de especulativa e abrasiva do medio natural do municipio.

“Gelo converteu Oleiros nunha rateira, e unha vez máis, non pide, senón que esixe ás administracións do Estado e da Xunta que lle saquen as castañas do lume reparando o desaguisado que xerou co seu Plan Xeral de Urbanismo.”

“Obras do Estado na Nacional sexta, a Vía Ártabra da Xunta e o seu servizo de transporte público, son compromisos do Estado e da administración autonómica para reparar o caos que tanta especulación e diñeiro fácil tróuxonos “